miércoles, 29 de octubre de 2014

De santos e de defuntos


Lendo as bases do próximo BiblioXogo


 O esqueleto e o médico

Nunha vila mariñeira había un médico solteiro que vivía coa súa irmá nunha casa antiga. O doutor estaba moi interesado polo estudo da anatomía. Por esa razón, e coa axuda do enterrador local, fixérase cun esqueleto completo. E pasaba moitas horas encerrado no seu consultorio estudando aqueles ósos.
Unha tarde, anos despois, ó pasar por diante da porta do consultorio, a irmá do médico oíu  o ruído dun corpo que caía. Entrou e viu a seu irmán tumbado no piso, sen coñecemento. Coa axuda duns vecinos meteuno na cama.

Ó recobra-lo sentido, o médico, con voz apagada, explicou que, cando estaba examinando o esqueleto, este levantara o brazo e lle zorregara unha labazada tremenda. Na súa meixela aparecían, en efecto, as pegadas dos cinco dedos.

O doutor ordenou enterrar inmediatamente o esqueleto en terra sagrada. Logo perdeu de novo o coñecemento. Morreu ó día seguinte.

                                                                                            Aparicións e santa compaña
                                                                                                Xosé Mariño Ferro
                                                                                                  Edicións do Cumio

lunes, 27 de octubre de 2014

Scórpio, R. Carvalho Calero




A memoria da guerra

Scórpio, por R. Carvalho Calero

Carvalho Calero é o perfecto exemplo dunha xeración tronzada pola guerra desencadeada en España como consecuencia do levantamento militar de 1936. Nese momento, el, galeguista de longa data, encontrábase en Madrid para facer unhas Oposicións, e, en defensa da Constitución, entra no exército republicano, onde chega ao grao de oficial. Cando conclúe a guerra, é xulgado polos tribunais franquistas e condenado a 12 anos e un día de prisión. Após varios anos na cadea, volve a Ferrol e padece todas as dificultades que afectaron os inimigos do Ditador durante a “longa noite de pedra”.
Son, precisamente, as vivencias da guerra de 1936-1939 as que están na base de Scórpio, a súa novela maior, que recibiu o Premio da Crítica no ano da súa publicación, 1987. É unha novela escrita cunha técnica moi fina, porque, a través das voces dos diferentes personaxes, o autor consegue deseñar unha narración fluída en volta do protagonista, Rafael ou “Scórpio”, pois o personaxe nacera baixo ese signo zodiacal. O curioso é que o Rafael, centro do ollar de todos os outros personaxes, nunca aparece como narrador. Recréase así, da mellor maneira posíbel, o enigma que todos os seres humanos somos para os que nos rodean e, mesmo, para nós propios: quen era, verdadeiramente, Scórpio?
O texto ten dúas partes. A primeira comeza co nacemento do Rafael e acaba cando este viaxa a Madrid para facer as oposicións a catedrático de instituto (como o propio autor), pouco antes do comezo da Guerra Civil. A segunda parte  narra os tres anos de conflito, até a novela concluír coa fin da guerra. Scórpio, sen deixar de ser unha novela de personaxes, realiza así un magnífico retrato da vida colectiva neses difíciles anos e da forma en que toda unha xeración ve as súas vidas abaladas de arriba abaixo polo estoupar da violencia bélica.
A pesar da marxinación por parte dos poderes de todo tipo que o autor coñeceu durante os últimos anos da súa vida e que aínda perdura (a RAG négalle obstinadamente o Día das Letras Galegas), como consecuencia da súa defensa da integración do galego na lusofonía, a figura de Carvalho Calero non para de se axigantar e a súa obra, tanto literaria (na narrativa ou na poesía) como ensaística, aparece como un fito incontornábel na cultura galega do S. XX.


viernes, 24 de octubre de 2014

GHALEGHO

Fantástico vídeo que se está a converter en viral feito por unha antiga alumna do centro, Noelia Gómez Calvo.  Parabéns, Noelia. Orghullosos de tí.




sábado, 4 de octubre de 2014

ESCUCHA ESTO. Alex Ross

Cando nos preguntan "Gústache a música?", moitas veces pensamos ou respondemos "Cal tipo de música?". Alex Ross ensínanos que non hai "tipos"  de música, senón MÚSICA con maiúsculas.

Así, ler este libro é acompañar o Alex Ross nunha apaixonante viaxe ao longo do tempo e ao longo do mundo cun único leit-motiv: escoitar toda a música que nos propón.
Unha apaixonante viaxe que el comeza cun disco da súa infancia: "A heroica" de Beethoven, dirixida por Leonard Bernstein, e que o leva a visitar a España colonial en procura das orixes da Chacona, un concerto en Bilbao con Radiohead, para despois acompañalos na súa visita do Guggenheim. Tamén visitamos Viena en dous momentos históricos: no seu esplendor clásico con Mozart e nas sociedades revolucionarias con Schubert.






Entramos na intimidade do estudo de gravación de Björk, acompañamos o John Cage nas súa busca do silencio e do son, asistimos a momentos históricos como o concerto que Marian Anderson deu no Lincoln Center, coñecemos Kiki and Herb e a súa hilariante e punzante crítica, asistimos á explosión da música clásica na China do século XX, encontramos os campistas de Malbourgh Music in Vermont, viaxamos ata o Alaska para desfrutar da música da natureza segundo John Luther Addams, sufrimos as contradiccións de Kurt Cobain... e tantos outros protagonistas da MÚSICA.




Un libro para partillar, idea que tamén tivo Luis Angel de Benito, pois, baseándose no segundo capítulo deste libro, agasallounos con este estupendo programa.






miércoles, 1 de octubre de 2014

CURSO 2014-2015. GUERRA E PAZ

En 2014, cúmprense 100 anos desde a primeira Guerra Mundial, tan chocante e destrutiva que os contemporáneos pasaron a designala como A GRAN GUERRA. As devastadoras consecuencia do conflito tornárono aínda máis arrepiante.
del blog Majestic-Gran-Guerra.blogspot
el mundo. 30 claves para entender a primeira Guerra Mundial 

Cen anos despois desa GRAN GUERRA, a paz parece estar hoxe tan lonxe como entón.  Profundaremos durante este curso no significado da guerra e nas guerras que están presentes ou ameazan o mundo de hoxe. 

Pedro Terciado. ABC. Zoas quentes do mundo

E, sobre todo, buscaremos que a  nosa reflexión e os nosos esclarecementos sobre as guerras sexan de axuda para nos encamiñarmos ao seu reverso: A PAZ.

Pomba da Paz. Pablo Picasso