Lendo as bases do próximo BiblioXogo |
O esqueleto e o médico
Nunha vila mariñeira había un médico
solteiro que vivía coa súa irmá nunha casa antiga. O doutor estaba
moi interesado polo estudo da anatomía. Por esa razón, e coa axuda
do enterrador local, fixérase cun esqueleto completo. E pasaba
moitas horas encerrado no seu consultorio estudando aqueles ósos.
Unha tarde, anos despois, ó pasar por diante da
porta do consultorio, a irmá do médico oíu o ruído dun
corpo que caía. Entrou e viu a seu irmán tumbado no piso, sen
coñecemento. Coa axuda duns vecinos meteuno na cama.
Ó recobra-lo sentido, o médico, con voz apagada,
explicou que, cando estaba examinando o esqueleto, este levantara o
brazo e lle zorregara unha labazada tremenda. Na súa meixela
aparecían, en efecto, as pegadas dos cinco dedos.
O doutor ordenou enterrar inmediatamente o esqueleto
en terra sagrada. Logo perdeu de novo o coñecemento. Morreu ó día
seguinte.
Aparicións e santa compaña
Xosé Mariño Ferro
Edicións do Cumio