lunes, 27 de octubre de 2014

Scórpio, R. Carvalho Calero




A memoria da guerra

Scórpio, por R. Carvalho Calero

Carvalho Calero é o perfecto exemplo dunha xeración tronzada pola guerra desencadeada en España como consecuencia do levantamento militar de 1936. Nese momento, el, galeguista de longa data, encontrábase en Madrid para facer unhas Oposicións, e, en defensa da Constitución, entra no exército republicano, onde chega ao grao de oficial. Cando conclúe a guerra, é xulgado polos tribunais franquistas e condenado a 12 anos e un día de prisión. Após varios anos na cadea, volve a Ferrol e padece todas as dificultades que afectaron os inimigos do Ditador durante a “longa noite de pedra”.
Son, precisamente, as vivencias da guerra de 1936-1939 as que están na base de Scórpio, a súa novela maior, que recibiu o Premio da Crítica no ano da súa publicación, 1987. É unha novela escrita cunha técnica moi fina, porque, a través das voces dos diferentes personaxes, o autor consegue deseñar unha narración fluída en volta do protagonista, Rafael ou “Scórpio”, pois o personaxe nacera baixo ese signo zodiacal. O curioso é que o Rafael, centro do ollar de todos os outros personaxes, nunca aparece como narrador. Recréase así, da mellor maneira posíbel, o enigma que todos os seres humanos somos para os que nos rodean e, mesmo, para nós propios: quen era, verdadeiramente, Scórpio?
O texto ten dúas partes. A primeira comeza co nacemento do Rafael e acaba cando este viaxa a Madrid para facer as oposicións a catedrático de instituto (como o propio autor), pouco antes do comezo da Guerra Civil. A segunda parte  narra os tres anos de conflito, até a novela concluír coa fin da guerra. Scórpio, sen deixar de ser unha novela de personaxes, realiza así un magnífico retrato da vida colectiva neses difíciles anos e da forma en que toda unha xeración ve as súas vidas abaladas de arriba abaixo polo estoupar da violencia bélica.
A pesar da marxinación por parte dos poderes de todo tipo que o autor coñeceu durante os últimos anos da súa vida e que aínda perdura (a RAG négalle obstinadamente o Día das Letras Galegas), como consecuencia da súa defensa da integración do galego na lusofonía, a figura de Carvalho Calero non para de se axigantar e a súa obra, tanto literaria (na narrativa ou na poesía) como ensaística, aparece como un fito incontornábel na cultura galega do S. XX.


No hay comentarios:

Publicar un comentario